A BELLA OTERO REGRESA A VALGA NO 150 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

  • O auditorio acollerá o vindeiro 16 de decembro un espectáculo no que Carolina Otero compartirá protagonismo con outras mulleres do século XIX
  • Entre todas as persoas que asistan caracterizadas de época sortearanse dúas estancias no Balneario de Mondariz

BEllaotero-retorna-a-valga

O Concello de Valga conmemora a vindeira fin de semana o 150 aniversario do nacemento da valguesa máis internacional, a Bella Otero. Con motivo desta efeméride, a que foi diva da Belle Époque regresará á súa vila natal para facer un percorrido pola súa historia vital e ofrecer un espectáculo irrepetible.

O alcalde, José María Bello Maneiro, compareceu esta mañá para dar conta das distintas accións nas que traballa o Concello para homenaxear a Carolina Otero. Estivo acompañado polo técnico municipal responsable do Museo da Historia, Santiago Chenlo, e por Mª Luisa Ferreiro e Minia del Río, coordinadoras do proxecto a través da empresa Galiciaesmas.

O evento principal terá lugar o domingo 16 de decembro co retorno da Bella Otero a Valga. Ás 17 horas será recibida na Casa do Concello e, a continuación, terá lugar unha ofrenda floral ante a estatua do Parque Irmáns Dios Mosquera. Realizarase unha visita guiada ao Museo da Historia, onde Carolina Otero lembrará o pozo no que recollía auga de pequena e adentrarase na que podería ser a súa casa. O técnico responsable do Museo resaltou o traballo que dende anos atrás está a facer o Concello para poñer en valor a figura da Bella Otero e que culminou, en 2015, coa apertura do Museo da Historia, cunha planta adicada por completo á valguesa máis relevante. Neste ano, con motivo do 150 aniversario, explicou, estase a levar a cabo unha remodelación do Museo con incorporación de novo material “para darlle un pulo enorme acorde ao nivel escénico e artístico da Bella Otero”.

Trala visita guiada a este espazo cultural, as actividades trasladaranse ao Auditorio Municipal, onde se desenvolverá un espectáculo de cabaret apto para todos os públicos e en clave humorística dirixido pola propia Carolina Otero, quen protagonizará un encontro-tertulia moi especial con outras tres mulleres do século XIX: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A liberación da muller estará presente ao longo de todo o evento que rematará cunha performance que mesturará dous tempos: a Belle Époque e a época actual.

O Concello anima á veciñanza a asistir ao evento vestido de época xa que se tratará dun acto vivo e participativo. As persoas interesadas en adquirir, alquilar ou confeccionar un traxe poden informarse ao respecto nas oficinas do Concello. Entre todos os veciños que asistan caracterizados sortearanse dúas estancias no Balneario de Mondariz.

O espectáculo “A Bella Otero retorna a Valga” é dirixido por Esther Carrodeguas, graduada en dirección e dramaturxia e galardoada en 2006 co Pedrón de Ouro e en 2015 co Premio Abrente de textos teatrais, entre outras distincións. A Bella Otero será encarnada pola actriz Noelia Blanco, Mercedes Asados será Concepción Arenal, Chiruca Tarrío convertirase en Rosalía de Castro e Ramona Golias en Emilia Pardo Bazán.

O evento rematará cunha chocolatada para todos os asistentes e, ademais, durante toda a tarde haberá no Auditorio un photocall no que o público poderá fotografiarse coas protagonistas da xornada.

Ruta turística Bella Otero

Ademais esta performance, o Concello de Valga traballa noutras iniciativas de carácter cultural e turístico vencelladas á figura da Bella Otero. A partir do día 16 entrará en funcionamento un novo espazo na páxina web municipal: unha contorna web interactiva 360º que permitirá aos usuarios facer un percorrido polos principais lugares de interese turístico e cultural de Valga guiados por Carolina Otero. As persoas que accedan a través de dispositivos móbiles e tabletas poderán, cunhas gafas 3D, introducirse de cheo neste tour virtual para descubrir os espazos que fan de Valga un concello diferente e atractivo para os visitantes.

Trátase dun produto turístico con vocación de permanencia que estará dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Toda a información sobre os diferentes lugares de interese poderá descargarse a modo de guía turística.

Por último, o alcalde deu conta doutro dos proxectos nos que está a traballar dende hai meses o Concello, sempre en relación co 150 aniversario da Bella Otero: a emisión dun selo de Correos conmemorativo desta data. Dende hai meses o goberno municipal mantén contactos ao respecto coa Comisión Filatélica do Ministerio de Fomento, que tiña previsto abordar a petición antes de rematar este ano. Sen embargo, a pasada semana informou por escrito ao Concello que a decisión quedou posposta para a reunión do primeiro cuatrimestre de 2019. “Aínda que, por motivos alleos ao Concello, non se vaia a emitir o selo neste 2018, esperamos que poida ser durante o próximo ano cando a Bella Otero conte co seu propio selo”, indicou o alcalde.

Nota de prensa oficial: Concello de Valga

Foto: Concello de Valga